Peter Punk Pallaso

Artista:

Data de Lanzamento

Descripción

Peter Punk é un dos pallasos máis programados e destacados en Galicia. Conta con máis de 1000 funcións ás súas costas en diversos países, programacións e espazos. Os seus espectáculos gozan dunha grande acollida por parte do público cativo e adulto.

A compañía PETER PUNK PALLASO nace arredor de 2003 có espectáculo unipersoal CHUNGO QUE TE CAGAS, que perfilará o seu humor fresco, irreverente e orixinal. Nos seguintes anos terá unha evolución meteórica. Crea o seu segundo unipersoal, A CHUNGATRONA, no que mantén o seu estilo singular. Máis tarde crea dous espectáculos dirixidos polo pallaso e dramaturgo Walter Velázquez: PETER PUNK E O NENO IMPERDIBLE, con música ao vivo, creada e interpretada por Brais das Hortas, con quen comparte elenco. PEOR IMPOSIBLE, o espectáculo máis recente, e no que se confirma a madurez deste pallaso internacional.

O cuarto espectáculo de Peter Punk. Un novo unipersoal deste recoñecido pallaso galego, no que mantén a súa esencia e o humor irreverente co que acadou o éxito. E onde da mostra da súa veteranía e madurez, tras máis dunha década de traxectoria profesional. Peter Punk non contaba con que as cousas sempre poden ir a peor. Na súa nova aventura, non lle queda outra que afrontar o seu fracaso. Pero está disposto a todo pola risa do público. Unha catedral de nove paraugas en equilibrio, o salto ao baleiro dun voluntario a cegas, o perigoso Circuito da Morte, e un evocador final que sorprenderá ás máis cativas e cativos, e fará reflexionar ao público adulto. Nesta ocasión veremos a un pallaso optimista, equilibrado e olímpico, que buscará a complicidade do público para superar as dificultades que atopará en cada rutina, como unha metáfora dos tempos que vivimos.